Medio soberano

Medio soberano inglés
Henrique VIII (1509-1547) [1]
A/: Henrique VIII coroado de fronte no trono, con orbe e cetro.

Lenda: HENRIC. 8. DI. GRA. AGL FRNCIE Z. HIBERNIE REX

R/: Armas coroadas.

Lenda: HENRIC. 8. DI. GRA. AGL FRNCIE Z. HIBERNIE REX

O medio soberano é unha moeda de ouro británica cun valor equivalente a media libra esterlina. Emitiuse por primeira vez na súa forma actual en 1817, como moeda circulante, e desde 1980 a Royal Mint cuñouna case todos os anos xa como moeda de coleccionismo ou de investimento.

O medio soberano e o soberano británicos teñen a súa orixe nunha moeda inglesa do mesmo nome introducida orixinalmente en 1544 por Henrique VIII, cuxa emisión se interrompera en 1604. En 1817, como parte da Gran Recuñaxe, Xurxo III introduciu os novos soberanos, xunto cos seus múltiplos e divisores.

O medio soberano moderno cuñouse na maioría dos anos e circulou amplamente ata 1926. A partir deste ano, á parte das emisións especiais para os anos de coroación, a produción ordinaria suspendeuse ata 1980. Desde entón, a Royal Mint segue a emitir medios soberanos exclusivamente para o coleccionismo numismático e para investimento, mais non para a circulación.

A tipoloxía desta moeda baséase nunha imaxe do monarca reinante no anverso e, no reverso, ou ben as armas reais do Reino Unido ou ben o clásico deseño de San Xurxo e o Dragón, creado por Benedetto Pistrucci e utilizado por primeira vez no soberano en 1817 e no medio soberano en 1893.

Ademais de cuñarse en Londres, produciuse tamén nas cecas coloniais australianas e surafricana.

  1. Henry VIII. Half sovereign. Obverse / Reverse. The Cleveland Museum of Art.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search